sábado, junho 27, 2009

FALARÁ-SE DESTAS FESTAS DURANTE ANOS

Num dos especiais que publicam com motivo das festas da Estrada os jornais com ediçom local, o presidente da comissom de festas expresava-se neses termos ao falar da grande qualidade das celebraçons deste ano. Poi bem, final-mente semelha que há que dar-lhe a razom. Falará-se destas festas durante anos, ainda que o motivo seja a desorganizaçom que levou á cancelaçom de duas das atraçons principais (o concerto de Mago de Öz e os de The Bond Scott Band, Pants Off, Mutand Squad, Esquíos e Kambotes) assim como doutras animaçons de rua e o famoso bono para as atracçons de feira.
Nom é a minha intençom fazer lenha da árbore caida, mas já tinha pensado fazer umha entrada para falar de cousas das que nom gostei em quanto ás festas deste ano.
A primeira, nom me pareze normal que todos os concertos das festas sejam de pago. Nim com bonos desconto nim caralhadas. Numhas festas supostamente populares (de povo, nom de PP) tem de haver atracçons de balde para o público. Vale que pode haver algumha de pago, mas nom a práctica totalidade. A maiores, semelha que o problema nasceu aquí. Polo visto, e polos comentários do presidente nos devanditos especiais, a comissom de festas deveu estar assessorada pola SGAE á hora da contrataçom dos concertos, e enchia a boca falando da quantidade de gente que lhe disserom os assessores que ia vir. O principal era o de La Oreja de Van Gogh, com o que aguardavam reunir miles de persoas e fazer boa caixa. Resultado: 1.500 espectadores e a maioria em regime de semi-gratuidade, ja que accederom com o famoso bono. Total, que nom fisserom caixa como aguardavam. Lembro (é que nom tenho diante os jornais) que falavam de 4.000 persoas no concerto de Mago de Öz.
O único gratuito foi o que juntou aos grupos de base estradense Pé de Boi, Regato de Matamulleres e Linho do Cuco com Susana Seivane. Aí bem, qualidade da casa e de nível internacional. O que já nom me pareze normal é que os representantes da comissom nom assinasem os contratos com os grupos até meia hora antes do começo dos concertos. Esse foi o primeiro sinal de que algo nom ia bem. Ainda que muita gente nom tivese conhezimento, os concertos estiverom a piques de ser cancelados por parte dos grupos, que estiverom horas tentando localizar ao presidente da comissom. Saeu adiante, mas por pouco. E haverá que ver se os grupos recebem os quartos que lhes adevedam, que visto o visto...
Por outra banda, tampouco me parece normal que se faça o petitório popular a posteriori. Isso tem um grande problema. Nom há quartos, nim se pode saber os quartos que vai haver para pagar as atracçons contratadas. Podem fazer-se estimaçons, sim, mas ha que ter em conta que a gente dá o que quer, e que este ano, percissa-mente, as famílias nom andam sobradas de quartos. E demonstra-se agora, que se nom tens avais... Toca suspender espectáculos.
Dos bonos para as atraçons de feira, nom vou falar muito. A idea é excelente, mas acho que fica claro que nom é doada de aplicar. E a forma da que se aplicou aos feirantes... achega-se á extorsom. Ou aceitas as condiçons abusivas que che imponho, ou nom che dou sítio.
Por último dizer que já está bem. O Concelho da Estrada deve ser dos únicos do seu tamanho de toda a Galiza que se desentende completamente da organizaçom das festas, mais alá de dar 30.000 € á comissom. Devera asumir dumha vez por todas a organizaçom das festas. E a ver se nos deixamos de comissons e caralhadas. Que vai passar com a gente que mercou os bonos? Vam-se-lhes voltar os quartos? Quem se vai fazer responsável de nom pagar estes rapazes o que devem? Agora seica asumem o control das deste ano. E pergunto eu, nom o puderom fazer desde o princípio? Para que temos funcionários no concelho que supostamente se adicam a organizar eventos deste tipo?

Etiquetas: , ,

quarta-feira, junho 03, 2009

FECHADO POR REFORMAS

O programa Aberto por reformas que bem apresentou Xurxo Souto durante os últimos anos, dando oportunidade á música galega de todos os estilos, finou no dia de onte.
Entendo que retirem ao senhor Souto como direitor de programaçom da RG, mas retirar-lhe o programa e ponher o que pugerom nom têm outro nome mais que o de Censura.
E quando antes o programa se adicava á expansom interplanetária da música pangalaica, agora... Julguem vostedes:



E se a isto lhe sumamos que onte, também, a TVG retirou um programa documentário sobre as vacas tolas para ponher um filme, máis do mesmo.
Empezamos.

Etiquetas: , ,

terça-feira, maio 12, 2009

A GENTALHA PRECISA AJUDA URGENTE


A Gentalha do Pichel é um grupo de gente de Compostela (natural ou adotada) que decidiu agrupar-se para fazer activismo cultural. Organizarom-se e alugarom um local ruinoso que fôrom amanhando aos poucos, criando assim o C.S. O Pichel, lugar onde fam obradoiros, cursos, festas e muitas cousas mais.
Dum tempo a esta parte um outro senhor de Compostela (senhor Conde Roa, vozeiro dp PP no Concelho compostelam) anda com acusaçons, tanto á Gentalha como á Sala Nasa e ao C.S. Henriqueta Outeiro de ser paraterroristas (sic) e organizar actos de guerrilla urbana (sic, tambem). Logo de insistir muito, atoparom-lhe umha chata á Gentalha: o seu local nom conta com accesso para discapacitados e cae sobre eles umha ameaça de peche.
Por isso, A Gentalha do Pichel solicita ajuda para conseguir os 10000 € necesários para fazer a obra, 5000 dos cales percisam ser entregados nesta semana. Se queres colaborar, tes tuda a informaçom no blog da Gentalha, assim como as declaraçons de Conde Roa.

Etiquetas: , , , ,

domingo, novembro 09, 2008

WE WANT CHANGE

Hai 11 meses, en Xaneiro, un tal Barack Obama pronunciou un discurso tras perder nas primárias de New Hampshire ante a daquela candidata oficial do pertido demócrata Hillary Clinton. Ese discurso (aquí traducido por Cesare) foi o comezo da vitória de Obama nas eleccións a presidente do mundo mundial. E ese discurso levou aos EUA duas expresións que hoxe, unha vez Obama xa non é un tal Barack Obama, quedan para a história dese pais. Unha delas saiu do próprio Obama, o Yes We Can (si, podemos ou xa é fin de semana, segundo quen traduza), que quedou como lema da campaña, e que deu lugar a un estupendo video musical de Will I Am. A outra foi coreada polo público durante o discurso e foi a que, ao meu entender, resume o por que da vitória de Obama nas pasadas eleccións nos EUA: We want change (Queremos o cámbio).
O we want change pasa moitas veces nas eleccións por todo o mundo. O povo ás veces cansa dalgúns gobernos e pon unha esperanza de cámbio en alguén que, dalgún xeito,ten o carisma suficiente (se é que iso existe) para canalizar o seu descontento e transforma-lo nalgo positivo, nun algo que eleva a confianza da xente nas persoas e, tamén, na política.
Iso pasou na Estrada. Logo de quince anos de mandado da dereita un goberno de esquerdas chegou ao concello. Moita xente (eu entre eles) depositou unha esperanza de cámbio nese goberno de esquerdas, unha esperanza de que ia mellorar a vida das persoas do concello en detalles que podan parecer irrelevantes mais que son os que se notan no dia a dia.
O malo de depositar a confianza e a esperanza en alguén é que pode quitar-cha. No meu caso, o actual goberno estradense así o fixo. Eu queria o cámbio, mais non o vexo por ningures. Ningunha das áreas do goberno da Estrada cambiou. Non cambiou a política cultural, temos a mesma falla de actividades de hai dous anos, nin unha soa iniciativa, cousa que xa dixen hai seis meses, por certo. Non cambiou a política urbanística, continuamos sen ter un PXOM que ia estar aprobado nun ano e non hai indícios de que se vaia aprobar no próximo, así como tampouco hai indícios de que se vaia tentar cambiar o concepto do urbanismo que tiña o PP. En política ambiental a cousa vai a peor, coa teima de facer un parque empresarial á beira dun rio a pesar de saber que non é bo.
Poderia seguir nomeando cousas que non se fixeron, mais nin teño os programas dos partidos á man nin tempo para numerar tal cantidade de cousas. Simplemente nomeo como logro máis ou menos acadado o plan de participacoón cidadá e a creación das xuntas parroquiais. Polo resto, nada.
E agora, de novo, we want change.

Etiquetas: , , ,

sábado, setembro 13, 2008

CELTAS CORTOS

Hoxe celebra-se a Festa da Xuventude no Milladoiro (Ames) con actividades durante o dia e que comezou onte cun concerto a cargo do grupo OBK Metallica Hevia Celtas Cortos. Foi un tanto raro, sobre todo no comezo, ainda que gañou en intensidade co tempo, tendo en conta que as cancións do disco novo brillaron pola sua auséncia e soaron todos os clásicos do grupo. Persoalmente gustaron-me máis cando os vin nas Festas das Pontes, hai xa anos, co cantante substituto do Cifuentes este. Escoitalo falar onte era como escoitar discutir aos chandaleiros da Quintana (que é unha praza, non un vice-PRESDIDENTE do goberniño). A sorpresa agradábel deu-na a colaboración de Susana Seivane (dos Seivane de toda a vida) en dúas pezas, unha das cales vos deixo aí (sorprendeu-me o teléfono este meu, que ainda quitou un son escoitábel).
Como último apunte dicir que É A PRIMEIRA VEZ QUE VOU A UN CONCERTO E NON HAI BARRA/CARRO/TXOSNA/SIMILAR ONDE TOMAR ALGO, cousa que me molestou un pouquiño.

Etiquetas: , ,

domingo, agosto 31, 2008

DIA DOS BLOGS


Leo en chuza! que hoxe é o dia dos blogs. Polo visto, para celebra-lo, os bloggers temos que poñer cinco blogs que nos gusten, e iso vou facer. Son blogs aos que estou subscrito e, ainda que moitos os coñeceredes, outros igual non. E ainda que a uns poucos vos gusten, a moitos igual non. E son:

microsiervos e tamén os seus derivados: (c+p+t do acerca de) blog de tecnoloxia, divulgación científica ou informática, pero o certo é que é máis complexo que todo iso: ten anotacións de humor, actualidade en internet e outros temas moi variados que nos interesan aos autores, como a astronomia e a aviación, os xogos de azar, as lendas urbanas, os trebellos, as grandes ou pequeñas conspiracións ou os puzzles.

404: un webcomic de humor+ciencia+frikadas feito por koopa, un (como el mesmo di) apuesto estudiante de informática. Ten chistes moi malos e moi divertidos.

Eh! Tío!: outro webcomic, desta vez feito por Morán, un asturiano que chegou a guionizar para El Jueves uns debuxos de Leandro

XKCD: outro webcomic ou blog de tiras cómicas, neste caso en inglés.

Capítulo Cerdo: este queda para o final. Collendo un nome inspirado no blog gastronómico de Manuel Gago, uns chuceiros propuxeron a idea de facer algo parecido con comida desa de comer coas mans (kebabs, bocatas, hamburguesas), menús de estudante e cousas. E a idea finalmente foi adiante, e agora imos posteando cousiñas.

Etiquetas: ,

VERÁN, VERÁN, ALÁ FOI

Habia xa tempo que non pasaba por aquí. É o que ten o verán. Mais quedaron algunhas cousas pendentes que queria postear. Un par de festas ás que fun, unha alá a comezos da época calurosa e outra similar de onte, cando remata o tema e a xente retoma o ritmo de vida habitual.
Alá polo mes de Xullo, os dias 11 e 12, celebrou-se o festival Músicas de Raiz en Callobre, organizado pola sociación Regatos. Neses dous dias pasaron polo campo de fútbol da parróquia os grupos Pé de boi, Linho do cuco (noraboa polo terceiro posto no trofeo Cidrerie des Terroirs de Lorient), Alvariza, Retrouso, Regato de Matamulleres, Briganthya, Sete netos e Serra-lhe aí. Un plantel importante para unha cita que se afianza ano a ano (menos o pasado, por cuestións climatolóxicas, claro. Os que menos me gustaron foron, quizais, os bascos Briganthya, dos que agardaba outra cousa e que máis que bascos parecian irlandeses. Nada de música de raiz (ademais ian de estrelas, ainda que despois subiu ao escenário Serra-lhe aí e non puideron máis que quedar coa boca aberta).



E onte, 30 de Agosto pasei-me polo Festival Música na Noite que se celebrou en Solláns e que comeza unha nova andaina logo de anos de auséncia da man do Concello de Teo e a asociación Lua Chea. Neste caso puiden desfrutar de Pablo Seoane e Grupo, (boa música tradicional, movidos) os históricos A Quenlla e os non menos históricos Berrogüetto (non me acaba de convencer o novo cantante, será que ainda estou afeito a Guadi). Tamén estiveron os de Zënzar, mais a noite estaba algo desapacible (habia algo de humedá) e non quedei. Por certo, moi bos os bolos preñados.


Pois iso, que moi ben e moi divertido todo.

Etiquetas: , , ,

segunda-feira, julho 07, 2008

DE RAPA 2008

Un ano máis, houbo rapa en Sabucedo. E quero comezar esta mini-crónica felicitando encarecidamente ao responsábel da organización de Sons da Rapa, a parte musical/alternativa (por excluir ás orquestras do sábado dalgún modo) da festa. Ainda que o ano pasado só lle adiquei unha pequena reseña nunha entrada, teño que dicir que a elección dos grupos nas últimas edicións merece unha nota moi alta. Este ano puidemos ver á Tuna Rastafari (ollo, é un myspace), rancheiristas movidiños, aos que non puiden ver máis que tres cancións porque cheguei tarde, mais que me deixaron bo sabor de oido. Para quen queira ve-los e escoita-los están o venres no Cultura Quente de Caldas.
A Tuna Rastafari cedeu-lle o testemuño aos madrileños No Reply, un estupendo grupo de swing-fusión (non sei etiquetalos doutro xeito) que animou e fixo bailar á xente, máis á medida que pasaba o tempo e ian quecendo músicos e público. Uns músicos espectaculares.


E o remate musical da noite. Xunten vostedes a Xil Ríos, Juan Pardo, Os Diplomáticos de Montealto da primeira época e a unha orquetra mala que só toque cúmbias (como a primeira do sábado), mestúren-o ben e tiren todo o malo que poda haber no resultado. Máis ou menos, debera ter vostede ao Sonoro Maxín (outro myspace, aviso). Un grupo post-Lamatumbá e que colle un camiño algo diferente, con musica moi movida e que fixo bailar aos asistentes até o final da festa. Gostei deles, e dos outros. Unha boa noite, en resumo.

E aqueles que aguantaron ben a noite e se levantaron para ir ao primeiro curro do ano atoparon-se co grande fallo da organización da Rapa deste ano. Resulta que por primeira vez houbo venda anticipada de entradas, 500 en total. E resulta que cando puxeron as entradas á venda no curro esqueceron-se de que, se o curro ten 1500 prazas, só debian vender 1000. E venderon 1500 que sumadas ás 500 da venda anticipada fan un total de 2000 persoas onde en teoria collen 1500. O problema poderia ter-se solucionado dalgunha forma, mais ninguén fixo nada. Iso provocou un problema de seguridade con moita máis xente subida nas gradas desmontábeis para a que están preparadas. Non pasou nada, mais puido ter ocorrido algo grave. Hai que poñer un pouco máis de atención.

Das orquestras do sábado non vou falar. Logo de tres horas escoitando cúmbias, bachata e merengue o meu cerebro debeu borrar toda a información relativa á percepción sensorial desa noite. E se non o fixo, debera.
Sei que as fotos son ruins, mais é o que hai.

Etiquetas: , ,

quarta-feira, junho 11, 2008

MARIA E AVELINA

Hai máis dun ano, alá por maio de 2007 Maria Lado recebia de mans do Tenente-Alcalde, José Antonio Maceira, o prémio de poesia Avelina Valladares, organizado polo Concello da Estrada e a Asociación de Consumidores e Amas de Casa. Nesa edición o premio eran 1500 € en metálico e a publicación do poemário, neste caso pola editorial silledense Edicións Fervenza. A través do Porto dos Escravos enterei-me onte de que, como tamén anuncia Maria Lado na súa Casatlántica, a obra premiada, Nove, está a piques de chegar ás librarias. Eu non son editor nin nada polo estilo mais, non é un prazo excesivo para a publicación dun libro? Máis dun ano! Agardemos que Berta Dávila Fernández, a gañadora deste ano, non teña que agardar tanto.

Etiquetas: , ,

domingo, junho 08, 2008

LE PUNK

Como na rapa de hai dous anos quedei con ganas de ver a Le Punk, onte aproveitei e fun ver a este grupo madrileño. Gostei do que vin, o que confirma aos organizadores dos concertos da rapa das bestas como bos oidos. Estaban de teloneiros de Candy Caramelo, un baixista de renome dentro do Pop-Rock estatal a quen xa vira con Ariel Rot (na Estrada) e Adolfo Cabrales (en Vigo). Paseino pipa no concerto, dúas horas máis bises acompañado dun tal Andrés, e xira coa sua lengua popular que ainda non escoitei. E disco do que o Calamaro só se dignou a tocar e cantar catro cancións para desgusto de algúns e alegria de moitos que puidemos desfrutar de boa parte da história do rock en español, ou polo menos en arxentino (como di o próprio). Por certo, que o iluminado (como podedes ver aprezar na foto)
desfixo-se en palabras de elóxio á Galiza e a Pontevedra de onde (como bo arxentino que se preze) era a súa abuela. Por certo, Candy é o segundo pola dereita.

Etiquetas: , , ,

sexta-feira, junho 06, 2008

KEN KEIRADES ESPAZO ABERTO

A asociación Ken Keirades Espazo Aberto inaugurou o seu novo local este venres 6 de Xuño cunha pequena festa aberta, como non. Parte da xuventude estradense puido desfrutar de uns pinchiños coa sua bebedela mercar produtos de comerzo xusto ou ver a exposición Navegando Cara o Sul, que xa estivera anteriormente na sala de exposicións de Caixanova. Contaron coa asistenza dos concelleiros de Educación, Cultura e Normalización Lingüística, Novas Tecnoloxías, Festas e Mocidade (todo isto é un só, Manuel Sanmartín); de Rural e Turismo (Raquel López) e de Deportes e Participación Cidadá (Xoán Carlos Castro). Unha pequena mostra de que, ás veces, para apoiar unha iniciativa basta con ir tomar uns pinchos, cousa que o anterior goberno nunca fixo (tamén está ben aumentar o gasto social, mais todo se andará).
E aproveito esta entrada para informar de que os Ken Keirades contan cun blog desde hai xa vinte dias, no que irán informando das actividades que vaian facendo.
Por certo, o local está na rúa Pérez Viondi 9, onde estaba a Hamburgueseria Bonsai.

Etiquetas: ,

quarta-feira, maio 07, 2008

MANU‽‽‽‽‽

O outro dia, a través do chuza! descubro que o señor Manu Chao, eventual visitante das noites estradenses, vai andar por Galiza dando uns concertiños de pre-xira mundial con Radio Bemba Sound System. Segundo a información da nova, en Monforte, os dias 16 e 17 de maio. Decidido a asistir andiven na busca de algo máis de información de lugar e venda de entradas, cando atopei outras datas e lugares no foro da páxina de Manu Chao: Monforte, 16 e 17; Ourense, 21; A coruña, 23 e... tachán! A Estrada o sábado 24 de maio. Oh! pensei. E onde será? Pois internet on ten tanta información como parece. Non se sabe nada, ninguén sabe nada (ou din non saber nada). E na Estrada tampouco se sabe nada. Os medios escritos xa se fixeron eco nas súas edicións dixitais, mais non se sabe nada. Ese mutismo dá-me no nariz que algo quer dicer. Se alguén sabe algo e non lle importa dici-lo, agradece-se.

Etiquetas: , , ,

sexta-feira, abril 25, 2008

CONCELLO

E unha última anotación por hoxe. Vendo as anteriores, incluindo que, por exemplo, A Farola organiza unha noite teatral, ou que algún pub fai concertos de xeito habitual (cousa da que xa falei aquí algunha vez), ve-se que as avangardas e iniciativas culturais do concello non parten dos organismos oficiais. Seguimos igual. E isto non é culpa de que non haxa Plan Xeral (que por certo xa debera estar exposto ao público, se queren cumplir o prazo dun ano que deron nas eleccións), nin de cartos tampouco (que non me veñan a dicir que os bares ou asociacións estradenses teñen máis cartos que o Concello). Non, é simple falta de iniciativa. Nun ano que case leva o novo goberno non houbo nin unha iniciativa no eido da cultura diferente ás que habia cando o PP. O teatro que lle traen, homenaxes e papatórias e pouco máis. Penso que se poderia dicir da maioria dos ámbitos de goberno. Persoalmente só hai unha actuación que me deixa un pequeno lugar para a esperanza. É o regulamento de Participación Cidadá. Ainda que lento, parece que vai adiante. Polo resto, encefalograma plano.

Etiquetas: , ,

ANACOS DE UNIVERSO

Pola sua banda outra asociación, neste caso A Fervenza de Ouzande, organiza para o mes de maio unhas xornadas de introdución á astronomia, baixo o título Anacos de Universo. Máis info no blog de Carreiros.

Etiquetas: ,

MEMÓRIA

Hai que facer memória do ocorrido. Poño-o con retraso, mais ainda hai tempo. Mañá sábado 26, ás 18:30 no Teatro Principal da Estrada proxecta-se o documental Dignidade e Loita , da Plataforma Antifascista, dentro do ciclo de documentais sobre a memória histórica que organizou a Asociación Cultural Ken Keirades. Anteriormente proxectaron os documentais O Novo Emden, história dun pesqueiro galego que marchou para a América, e A Derradeira Lección do Mestre, realizado polo estradense Xoan Carlos Garrido.

E seguindo con esta asociación, mais noutro eido, leo na Voz que organizan para o Dia das Letras un concurso de microrrelatos, coa intención de utilizar partes dos mesmos para facer un grafitti, pintada ou mural nun valo da vila. Os traballos, de 1000 caracteres como máximo hai que entrega-los na Biblioteca Municipal até o 5 de maio. Hai prémio.

Etiquetas: , ,

terça-feira, janeiro 29, 2008

CONCELLO E CULTURA

Hoxe viña disposto a criticar á Concellalia de Cultura, para dicir que non se notaba o cámbio de política cultural respéito do goberno anterior, e, dado que agora xa hai novo presuposto, non habia a excusa de que son escravos do que lle deixaron en herdanza. E viña a conta de que no antroido deste ano o programa de actividades non varia do que "deseñaba" Reboredo cada ano. Incluso se reduciron algúns dos prémios do concurso de disfraces, que viñan sendo os mesmos nos últimos dez anos.
Pero claro, xusto hoxe collo o xornal e vexo que veñen de apresentar un ciclo de actividades dirixidas ao público infantil para o mes de marzo no Teatro Principal. Pois nada, como as palabras que ia poñer até que me pareza que volta pasar o mesmo.

Etiquetas: ,

MÚSICAS DA TERRA

Veño de ler no Faro que entre as prioridades da A.C. A Fervenza de Ouzande deste ano non está a organización do festival Músicas da Terra. Unha pena. Sobre todo porque este ano quedo sen a camisola. Pero tampouco é grave. Eles son os que deciden que facer cos seus recursos e, se o seu obxectivo é a dinamización sociocultural da parróquia, o festival non é necesário. Hai que ter en conta que era máis para desfrute da xente que ía de fora que para os próprios Ouzandeses, que non facian máis que traballar para que ese dia estivese todo perfecto (e estaba, non sendo algunhas veces polo frio, pero neso non hai que facer-lle).

Etiquetas: ,

sexta-feira, janeiro 04, 2008

NORMALIZAZÓN

Dise polos corredores como segredo a voces que certo normalizador lingüístico do Concello da Estrada ten un choio asegurado na Secretaria Xeral de Política Lingüística, que depende directamente do Presidente da Xunta. O feito non teria maior trascendencia se este funcionário municipal non estivese entre os "golfiños" de Campos e non tivese como "hobbie" durante os anos de mandado de Chito a asisténcia a todos os actos de partido como imaxe de "xuventude" do mesmo. E tampouco teria maior trascendencia se este persoeiro da cultura local fixera algo pola normalizazón da língua no concello nos anos que leva traballando aí, a maiores de ser secretário en prémios literários, xurado en oposicións de resultado cantado ou xogar partidos de mestres contra políticos. Total, que como siga así a cousa (non é o primeiro caso de estradenses sen valia demostrada chupando da Xunta) a imaxe da Estrada no goberno nacional vai deixar bastante que desexar.

Etiquetas: , ,

quarta-feira, dezembro 12, 2007

POLA LIBERDADE DE EXPRESIÓN V

Veño de enterarme por chuza! de que no xulgado da Estrada veñen de desestimar a denúncia presentada pola família dun alcalde franquista de Cerdedo contra o historiador Dionísio Pereira, pola publicación dunha frase publicada no libro A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo. Ainda que non se me ocorrera nunca facer un post a conta do tema, aledo-me de que así fose, e quixera dar o apoio do chimpín a todas aquelas persoas que buscan rematar coas inxustizas e sacar á luz as cousas ocorridas hai xa anos, pero que seguen a estar agochadas por algunha xente.

Etiquetas: ,

segunda-feira, outubro 15, 2007

OUZANDE ESTREA BLOG

A asociación cultural A Fervenza de Ouzande ven de estrearse na blogosfera, cun blog no que, segundo din na primeira entrada, irán "informando das nosas actividades e contándoche a nosa historia". Desde aquí desexamoslles unha longa travesia pola rede. Benvidos.
Asimesmo animamos ao resto de asociacións estradenses a que se unan á iniciativa xa que, se ben unha web precisa dun deseño e un mantemento, un blog pode servir para informar de actividades de xeito moi sinxelo.

http://carreiros.blogspot.com/

Etiquetas: ,