sábado, agosto 25, 2007

OBRAS

Ven de sair nos xornais a nova da peonalización da Rúa Serafín Pazo, cousa que, por certo, xa era hora, e cousa que xa comeza a lembrar ao goberno anterior. O problema principal destas peonalizacións é que, como paga a deputación, eles fan o proxecto, e fano á súa maneira. Por iso, e tres días despois de que se anuncie, xa andan a cambiar o proxecto de marras, porque os comerciantes esixen zonas de carga e descarga. O que eu non acabo de comprender é por que a calzada da rúa vai ter 3,60 metros de ancho. E claro, coas zonas de carga e descarga haberá algún treito da rúa que quede coa acera como ata o de agora. E non comprendo o do ancho da calzada porque, segundo teño entendido, o ancho máximo dun vehículo neste estado anda polos 2,50. Ponlle que poñemos algo máis para que colla ben un camión. Tres metros. Sobran 60 cm que, nesa rúa fanse ben necesarios para as beirarúas. Igual é para que a xente pare o seu carro onde non se pode e colla outro coche xustiño. Cousa que pasa noutras rúas da vila. Pero claro, se o arquitecto que fai o proxecto é un tal Carlos Rosón, tristemente coñecido na Estrada... non se lle pode pedir máis.

Etiquetas:

domingo, agosto 05, 2007

DIME CON QUEN PACTAS...

O BNG escenifica unhas negociacións fallidas co PSOE para xustificar o seu acordo co PP

Nos últimos plenos que tiveron lugar no Concello da Estrada, desde a ruptura das negociacións para formar goberno que estaban a manter o PSOE estradense e o BNG baixo as directricesdo señor Quintana, que non quere un goberno de coalición senón dous gobernos paralelos, púxose en evidencia con que forza política ten vontade de acordo o BNG da Estrada, xa que non fai máis que votar co PP en contra do grupo de goberno.

Para o chimpín resultou moi clarificador o sucedido nos útimos dous meses, e considero que as conversas que mantivo o BNG co PSOE nas últimas semanas máis ca a unha vontade real de formar un co-goberno PSOE-BNG respondían a tratar de dar a imaxe da existencia desa vontade no BNG... xa que son conscientes de que existe unha demanda social de cambio político na Estrada que pasa pola conformación dun co-goberno PSOE-BNG. O chímpín lamenta o intento de manipulación da opinión pública estradense por medio dese simulacro de conversas e a utilización que o BNG fixo da vontade do PSOE de chegar a un acordo de co-goberno para os vindeiros 4 anos.

En conclusión, o BNG presentouse as eleccións para gobernar, non para estar na oposición. O respaldo obtido nas eleccións non lles permite ser eles quen decida formar goberno senón que a iniciativa lle corresponde ao PSOE. Se tiveran interese en contar con eles simplemente tiñan que cumprir o asinado ou propor unha fórmula aceptábel para o PSOE e que non supuxese un esquecemento dos resultados electorais, e se non queren, que o digan con claridade, pero que non traten de culpar a quen non ten a culpa de rachar as negociacións e de que non exista un goberno de coalición, e moito menos, como coartada para xustificar que chegaran a un acordo co PP. Soamente demandamos que non utilicen ao PSOE de escusa e que asuman claramente a responsabilidade das súas lexítimas decisións.

Etiquetas: ,