EN FESTAS 2007
Chega hoxe o remate para as festas da Estrada, cun balanzo positivo en comparación aos últimos anos. O certo é que, aínda que sempre se poden poñer pegas, desta volta non o vou facer. Creo que a comparativa deste ano cos precedentes, e sobre todo co ano pasado, deixa un balanzo positivo para a comisión actual. E como polo visto repiten para o ano próximo, imos darlles a posibilidade de melloralas sen críticas. Que non se poden pedir marabillas cando se parte de cero, xa bastante fixeron.
Do que vimos só vou falar do concerto do arxentino Coti Sorokin, que foi ao que asistín. Quen queira información dos outros deixo lazos a Pablokani cos Suaves, e á Voz co do Arrebato. De Rosa nada, que para o que cantou... E un detalle para a comisión, este si mo vou permitir: Escenarios descubertos en Galiza... son un risco innecesario.
Coti entrou no escenario pasadas as doce e cuarto da noite, ante unha praza case chea, e comezou con toda unha declaración de intencións, dandolle forte ás guitarras, cunha canción do seu novo disco, continuando cunha movida "Antes que ver el sol", para despois saudar e continuar coa presentación dos "Gatos e Palomas" mesturando cancións de "Esta mañana y otros cuentos. Demostrou tamén que sabía onde estaba, cando despois de cantar "El inmigrante", que adicou á emigración de ida e volta galego-arxentina, fixo un fragmento da "Miña terra galega" de Siniestro Total. E continuou coas referencias á emigración con "Buenos Aires", a quinta provincia galega nas súas propias palabras. Tivo tempo tamén para lembrar un par de clásicos como son "Me vuelvo loco" de Tequila e unha versión rocanroleira da "Princesa" de Sabina. O punto humorístico caeu cando, para presentar a canción "Pequeña historia de un funcionario corrupto", dixo que en todos os sitios había funcionarios corruptos e parte do público asinteu efusivamente, coas conseguintes risas dos que estaban enriba do escenario.
Para rematar, un par de bises con temas dos máis coñecidos, saúdo e fin.
Edito: se o propio Coti pon "minha terra galega" con ene agá no seu blog, eu non vou ser menos.
Etiquetas: INTERNACIONAL, LOCAL, MÚSICA
1 Comments:
Mola que houbera bastante xente. Debe ser bo no directo. Seguro que o pasastes pm.
Enviar um comentário
<< Home