segunda-feira, julho 07, 2008

DE RAPA 2008

Un ano máis, houbo rapa en Sabucedo. E quero comezar esta mini-crónica felicitando encarecidamente ao responsábel da organización de Sons da Rapa, a parte musical/alternativa (por excluir ás orquestras do sábado dalgún modo) da festa. Ainda que o ano pasado só lle adiquei unha pequena reseña nunha entrada, teño que dicir que a elección dos grupos nas últimas edicións merece unha nota moi alta. Este ano puidemos ver á Tuna Rastafari (ollo, é un myspace), rancheiristas movidiños, aos que non puiden ver máis que tres cancións porque cheguei tarde, mais que me deixaron bo sabor de oido. Para quen queira ve-los e escoita-los están o venres no Cultura Quente de Caldas.
A Tuna Rastafari cedeu-lle o testemuño aos madrileños No Reply, un estupendo grupo de swing-fusión (non sei etiquetalos doutro xeito) que animou e fixo bailar á xente, máis á medida que pasaba o tempo e ian quecendo músicos e público. Uns músicos espectaculares.


E o remate musical da noite. Xunten vostedes a Xil Ríos, Juan Pardo, Os Diplomáticos de Montealto da primeira época e a unha orquetra mala que só toque cúmbias (como a primeira do sábado), mestúren-o ben e tiren todo o malo que poda haber no resultado. Máis ou menos, debera ter vostede ao Sonoro Maxín (outro myspace, aviso). Un grupo post-Lamatumbá e que colle un camiño algo diferente, con musica moi movida e que fixo bailar aos asistentes até o final da festa. Gostei deles, e dos outros. Unha boa noite, en resumo.

E aqueles que aguantaron ben a noite e se levantaron para ir ao primeiro curro do ano atoparon-se co grande fallo da organización da Rapa deste ano. Resulta que por primeira vez houbo venda anticipada de entradas, 500 en total. E resulta que cando puxeron as entradas á venda no curro esqueceron-se de que, se o curro ten 1500 prazas, só debian vender 1000. E venderon 1500 que sumadas ás 500 da venda anticipada fan un total de 2000 persoas onde en teoria collen 1500. O problema poderia ter-se solucionado dalgunha forma, mais ninguén fixo nada. Iso provocou un problema de seguridade con moita máis xente subida nas gradas desmontábeis para a que están preparadas. Non pasou nada, mais puido ter ocorrido algo grave. Hai que poñer un pouco máis de atención.

Das orquestras do sábado non vou falar. Logo de tres horas escoitando cúmbias, bachata e merengue o meu cerebro debeu borrar toda a información relativa á percepción sensorial desa noite. E se non o fixo, debera.
Sei que as fotos son ruins, mais é o que hai.

Etiquetas: , ,

quarta-feira, julho 02, 2008

DE ALCALDES E VICE-ALCALDESAS

Últimamente puidemos asistir a un rifi-rafe político-persoal entre a Vice-alcaldesa, Raquel López e os alcaldes de barrio das distintas parróquias da Estrada, a conta da criación das xuntas parroquiais e a suposta oposición dos pedáneos a estas entidades porque, polo visto, lles queitan atribucións. Dentro das páxinas da prensa local a cousa foi máis ou menos como segue:

A cuestión, como a entendo eu, é que Raquel convocou aos pedáneos a unha reunión informativa á que acudiron e, unha vez alí tiveron que escoitar como, a pesar de estar elexidos democráticamente polos veciños, lles chamaban "un resquicio do franquismo", desautorizaron o seu papel e insinuaron que os nomeamientos foran manipulados polo PSOE, ou poñia de manifesto que a metade deles non ten estudos (esta señora é asistenta social, ollo), afirmacións ante as que algún dos asistentes se sentiu ofendido (eu estaria) e marchou da reunión.
Non sei se Raquel López sabe que parte deses pedáneos son persoas afíns ao BNG, ou que moita xente non afín a PP ou PSOE votou por persoas que, a pesar de saber que son afíns a algún deses partidos, facian ben o seu traballo.
Tampouco sei se Raquel López sabe que a śua elección foi igual de democrática que a dos pedáneos, e que tamén representa a unha institución herdeira do franquismo como é o concello (que se rexe polas leis democráticas aprobadas logo da constitución tardo-franquista que hai no estado español).
Non sei se Raquel López sabe que hai parróquias nas que a xunta parroquial funciona desde hai moitos anos en perfecta consonáncia co pedáneo correspondente.
E non sei se Raquel López sabe que non pode falar de caciquismos e despois andar por aí da man de xente como Pereiras ou Marisé, perdendo absolutamente TODA a credibilidade que poderia ter ao falar do tema. Non entendo, nadiña, como a xente do Bloque pode andar da man destes elementos. Se mo din hai un ano non creria nada. Mais hai xa tempo que a cúpula estradense do Bloque perdeu o norte. Unha pena, porque considero que hai xente moi válida aí dentro.

Etiquetas: